Monday 20 de May de 2024

A Xunta favorece a conciliación de máis de 8.000 empregados públicos cos réximes de flexibilidade horaria e teletraballo


A directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa participou nunhas xornadas sobre “Teletraballo, Territorio e Cambio Social en Galicia” da USC

A directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, Natalia Prieto, participou hoxe nunha xornada sobre “Teletraballo, Territorio e Cambio Social en Galicia”, que organizou a Facultade de Xeografía e Historia de Santiago.

Na súa intervención, Prieto fixo balance da situación actual da flexibilidade horaria e teletraballo, dúas das medidas que o Goberno puxo en marcha hai case dous anos para fomentar a conciliación da vida laboral e familiar dos empregados públicos da Xunta. Actualmente, anunciou, son máis de 8.000 as persoas que se benefician dalgunha destas dúas modalidades de traballo.

A comezos de 2014 púxose en marcha na Administración galega a posibilidade de que os traballadores e traballadoras da Xunta de Galicia flexibilizasen a súa xornada laboral e se acollesen á modalidade de teletraballo cando ocupasen determinados postos e as necesidades do servizo o permitisen.

O obxectivo, unha vez máis, era acadar unha maior eficiencia na prestación de servizos a través do uso das novas tecnoloxías e contribuír á conciliación da vida laboral e familiar dos empregados públicos da Xunta de Galicia.

En canto a flexibilidade horaria, a directora xeral destacou que actualmente 8.124 persoas se benefician desta iniciativa, 964 baixo o réxime de conciliación familiar -é dicir, teñen fillo/as menores de 12 anos ou persoas dependentes ao seu cargo- e o resto na súa modalidade “automática”.

Se atendemos aos sexos, na modalidade de flexibilidade horaria por conciliación, o 72 por cento das persoas beneficiarias son mulleres fronte ao 28 por cento de homes. Na automática esta porcentaxe baixa un pouco cun 64 por cento de mulleres e un 36 de homes.

Ademais, do total de traballadores con flexibilidade horaria -en calquera das dúas modalidades- o 60 por cento correspondese ao persoal que presta servizo no ámbito “periférico”, fronte ao 40 por cento de persoal de servizos centrais da Xunta.

86 empregados traballan a distancia
No eido do teletraballo, a directora xeral informou de que 86 empregados públicos prestan servizo a través desta modalidade de traballo non presencial. Destes, 33 comezaron a teletraballar para o Goberno galego hai xa un ano, autorizándoselles dende a Xunta a prórroga desta modalidade un ano máis, como resultado da boa experiencia e beneficios desta medida.

Por ámbito territorial o 71 por cento dos postos autorizados atópanse en servizos centrais, mentres que o restante corresponde a postos de servizos periféricos. Ao igual que ocorría no caso da flexibilidade horaria, son máis as mulleres que se acollen a esta medida, representando o 59 por cento do total.

Cabe recordar que os traballadores acollidos a este réxime son aqueles que polas características do seu posto así como polas necesidades do servizo o permitisen. Entre estes postos destacan os letrados, asesores xurídicos, corpos de inspección -farmacéutica, urbanística, de traballo, de saúde pública-, tradución, entre outros. Por departamentos, as consellerías con máis empregados acollidos ao sistema de teletraballo son Medio Rural (16), Vicepresidencia (15), a antiga Traballo e Benestar (15) e Sanidade (13).